Friday 10 de May de 2024

A Aula Mentor do Concello de Bergondo ofrece 10 cursos gratuítos para o mes de novembro


· O prazo para anotarse está aberto ata o 4 de novembro e para formalizar a matrícula hai que escribir un correo a bergondo@aulamentor.es ou presencialmente na Casa da Cultura.

· Os cursos iniciaranse o 7 de novembro e, ao finalizar, emitirase un certificado de aproveitamento ou asistencia.

A aula Mentor do Concello de Bergondo, creada a través dun convenio co Ministerio de Educación e Formación Profesional, ofrece para este mes de novembro 10 cursos gratuítos, que se impartirán de forma telemática e que conta con prazas limitadas.

O prazo para anotarse estará aberto ata o 4 de novembro e para formalizar a matrícula pode enviarse un correo electrónico a bergondo@aulamentor.es ou tamén de forma presencial na Casa da Cultura, onde está situada a sede da Aula Mentor.

Os cursos iniciaranse o 7 de novembro e, ao finalizar, emitirase un certificado de aproveitamento ou asistencia. Estas son as opcións: Linux Essentials, Introdución a Internet das cousas, Introdución á Ciberseguridade, Emprendemento Dixital, Networking Essentials, Get Connected, Ciberseguridade Essentials, Iniciación a Salesforce, Administración de Salesforce e Iniciación á Física.

Aula Mentor de Bergondo

A Aula Mentor ten o obxectivo de impulsar a formación, en diferentes ámbitos, entre persoas maiores de 18 anos a través de iniciativas e sesións que se realizan de forma telemática con apoio da persoa responsable da aula de maneira presencial.

Esta ferramenta, a través da que se ofertarán cursos de formación de diversas temáticas, permitirá ampliar a oferta de Formación Profesional no municipio e adáptase á situación de cada persoa grazas á súa modalidade telemática, permitindo escoller a data de inicio e a de fin da súa formación.